Puntos de venta

Info

SINSALaudio e o Territorio

Texto de presentación de SINSALaudio en TED Galicia durante a pasada edición de CULTURGAL 2011.

Sinsalaudio é unha promotora musical que, entre outras actividades, aposta polas diferentes posibilidades da "música en directo" como enlace, encontro, entre o patrimonio e a sociedade. A continuación, realizaremos unha aproximación a algunhas das nosas propostas máis conectadas
coa divulgación do territorio.

Como funciona a representación?

En primeiro lugar é importante falar das proxeccións ou imaxes da música que, a diferencia doutras artes, conta con dúas posibilidades de exhibición: a reprodución e a representación.

A reprodución apareceu moitos séculos despois da representacion, primeiro cos autómatas do Renacemento; despois a música mecánica do Barroco; e só ata finais do século XIX co cilindro fonográfico e o disco gramofónico.

O impacto da música gravada na sociedade da época foi tal que Edison redactou un "protocolo" para escoitar en casa o seu invento. As persoas deberían sentar diante da máquina como un espectador nun auditorio.

Grazas aos medios de comunicación, a reprodución foi gañando protagonismo durante todo o seculo XX ata que, nos últimos anos, por mor dos novos formatos comprimidos, hai un cambio nos hábitos de consumo.

Pola súa parte, a Representación foi a medio tradicional de exhibición da música ata que apareceu o soporte sonoro a finais do secúlo XIX. Durante todo o século XX o concerto estivo condicionado pola competencia da música gravada e os medios de comunicación. Pero neste século XXI, coincidindo coa decadencia do soporte musical, hai unha revalorización da representación ao vivo.

Hai que lembrar que a música, por definición, é dalgunha forma son ordenado e polo tanto, esta posibilidade de controlalo asociouno as principais actividades sociais da comunidade; desde a relixión ate a celebración.

O feito de que a representación da música poida manifestarse en calquera lugar, condúcenos a que a sala de concertos tal cal a coñecemos na actualidade é un espazo ligado á cidade contemporánea, exactamente ao século XIX e ao desenvolvemento da burguesía, que se apoiou neste tipo de espazos como lugares de socialización; é dicir, de encontro entre a cidadanía.

Durante a primeira metade do século XX, a representación foi evolucionando de forma paralela ao nacemento da vida urbana. Con cada unha das súas clases sociais, todos os representantes da sociedade contemporánea xeraron os seus espazos de representación onde a música e os seus intérpretes ocupaban un lugar preferente pero, e esto é importante destacalo, nun nivel inferior á audiencia.

O concepto de ídolo de masas, é dicir, o salto da representación ao concerto cerimonial é unha revolución, sobre todo da Cultura Pop logo da segunda metade do século XX. Chega ata a actualidade en diferentes graos ou intensidades segundo o tipo de artista. A música popular tradicional arraigada nos pobos tivo que adaptarse a este guión da cerimonia urbana a través das programacións institucionais, polo que o concerto perdeu, en parte, ese espírito indómito dos primeiros tempos.

Nós o que propomos é sacar á música deste escenario encorsetado da actualidade e reconducir as súas posibilidades aurais e expresivas máis aló da sala. Traballamos o territorio como un laboratorio de creación onde os elementos que forman parte do seu patrimonio permiten apostar pola innovación cultural.

Que pode aportar a música ao territorio?

A música en directo é pois, un acto social no que a comunidade participa dunha representación. Coas nosas programacións en espazos "diferentes" á sala de concertos, tentamos que a suma de todos os elementos (artista, audiencia e territorio) xeren unha singularidade.

Na actualidade, boa parte da música en directo concíbese como unha festa da celebración. Con todo, nós pensamos que a representación non ten porque ser únicamente "festa", ou polo menos non pensamos nela como valor máis destacado. Isto non quere dicir que renunciemos a
ela, senón que priorizamos outras emocións que, dependendo das circunstancias, poden, ou non, chegar a ese "extasis".

Para nós, programar un evento sonoro nun espazo de interese arquitectónico, paisaxístico, cultural, etc. é igualmente unha celebración, pero a personalidade do evento debe potenciar todos os elementos que participan nel, sen perder de vista o máis importante: o equilibrio entre música, audiencia e territorio.

Trátase pois, de explorar toda a potencialidade da contorna e mostrala con naturalidade e sen fogos artificiais; é dicir: sen os adornos cos que a industria musical nos embriaga e reducen a música a meros valores técnicos de watios de luz e son. A pregunta é: como buscar un equilibrio entre concerto, cerimonia e territorio?

En primeiro lugar, un equilibrio entre a tecnoloxía e o patrimonio. Desde o punto de vista técnico a tecnoloxía actual permite adaptar equipos moi
manexables en todo tipo de espazos: equipos de son autoamplificados, mesas de son dixitais, focos con leds, proxectores de vídeo, etc. Trátase de acomodar a produción de son e luz convivindo, e resaltando, as posibilidades da contorna, pero nunca relegándoa a un segundo plano.

En segundo lugar, unha convivencia da música e a paisaxe. O artista seleccionado debe encaixar dentro das posibilidades do espazo e, aínda que case todos os estilos de música poden levarse ao patrimonio, hai limitacións evidentes que se nos ocorren a todos. Os concertos en espazos singulares, fóra da sala de concertos, necesitan doutro ritmo antes, durante e logo da representación. Se o que buscamos é o simulacro, cambiar un
escenario por outro, perdemos todo o interese da proposta.

Un exemplo concreto sería o Festival Sinsal da Illa de San Simón. Algúns asistentes preferirían un final de festival "máis divertido", cun artista ligado a "festa". Pensamos que reducir nove horas dun festival a esta "última percepción" pode xenerar malentendidos, e estos pasan pola asociación entre Festival e Club de copas. Isto, en próximas edicións, podería provocar un cambio de audiencia que consuma este tipo de propostas cunha idea mal concibida.

Insisto, non renunciamos á festa, pero tampouco reducimos ésta a botar un baile cunha cervexa na man; para nós este concepto lúdico, de entretemento, ten diferentes proxeccións e por suposto, tamén é o noso traballo na programación educar e insistir nesta dirección.

O importante, en todo caso, é que a programación como elemento vertebrador do territorio respecte o espazo, promocióneo e, sobre todo, poténcieo desde o punto de vista estético e físico.
Facer un concerto nun garaxe, unha terraza ou unha cova, non debe de ser só un soporte escénico visual, tamén é un espazo que participa de forma activa na representación desde o punto de vista acústico, por iso a mellor forma de destacar o seu protagonismo é reafirmando e potenciando as súas peculiaridades para que a audiencia entenda que hai unha singularidade única nesta actividade.

JPEG - 39.6 KB
Concerto de KTL no Festival Espazos Sonoros 08, na Igrexa da Magdalena en Ribadavia (Ourense)
JPEG - 138.9 KB
Festival Sinsal San Simón 2011. Illa San Simon, Redondela (Pontevedra)
JPEG - 61.8 KB
Concerto de Madame Cell no Festival Espazos Sonoros 09, no Aeródromo de Rozas (Lugo)